Eu non lles estiven en Portugal o día da Revolução do 25 de abril de 1974, estívenlles o 26. Cousa menos de épica ca de simpatía coa ilusión da revolução e interese no bulir da historia. Os feitos foron, máis ou menos, así. Meu pai sorprendeuse, coma todos, co que estaba pasando ao sur da raia. Daquela, debía ser presidente da hoxe transmutada Agrupación Cultural Auriense. Organizaran naquel tempo un concerto de Luís Cilia no auditorio dos Maristas de Ourense, lugar dalgunhas actuacións interesantes e dos primeiros cursos de galego daquela Auriense galeguista. O caso é que na casa sempre fomos moi próximos ao sur. Non só por toalhas, bacalhao e café Sical -o melhor de Portugal- senón por parentes paternos asentados no Porto ou porque a miña avoa tivese o seu primeiro destino de mestra, case adolescente, nunha escola en Arzádegos, nas terras de Vilardevós, alá nos tempos da II República a poucos centos de metros do país irmão.

Lembremos, tamén, que Ourense é a provincia española con máis quilómetros de fronteira con Portugal, 219, e a única que limita con catro “distritos” -provincias- seus: Viana do Castelo (Padrenda, Quintela de Leirado, Lobeira, Entrimo, Lobios), Braga (Lobios), Vila Real (Muíños, Calvos de Randín, Baltar, Cualedro, Monterrei, Oimbra, Verín, Vilardevós) e Bragança (Riós, A Gudiña e A Mezquita) a única que ten 18 estradas asfaltadas que cruzan a raia, e centos de camiños de a pé. O contrabando, vangarda do comercio libre entre países e fonte de riqueza, foi materia na que sempre sacabamos matrícula de honor.

Por iso cando falamos de Portugal en Ourense temos unha sensibilidade moito máis próxima que outras zonas de Galicia. Para nós Portugal é o noso sur. Imos con frecuencia a Chaves, Montealegre, igual ca eles veñen ás feiras de Xinzo ou Verín. Para os da Coruña ou Lugo é unha realidade distante, con outras terras polo medio. É como para nós, Asturias. E nós somos fundamentalmente da Galicia Bracarense e os nosos intelectuais foron os que sempre levaron o facho da comunicación con Portugal, desde Curros á Xeración Nós. Desde Isaac Estravís a Maria do Carmo Enríquez Salido. En Nós publicaban os portugueses en portugués e na coruñesa A Nosa Terra traducíanos ao galego. Desculpen e volvo ao rego.

O caso é que lembro a meu pai exultante dicindo na casa o propio 25 de abril que ía ir a Portugal ao día seguinte pola fronteira de Portela do Homem, pois remota e pequena, debía ser a menos problemática. Obviamente, apunteime. Lembro como non había tráfico ningún na aduana e como os propios “gardinhas” advertíronnos que non sabían se ían ter que pechar a fronteira, que estaban agardando ordes, pero que era probable que ao longo do día así o fixeran. Lembrarei como na entrada ao Parque de Peneda-Gerês había unha placa de granito escachada no chan que conmemorara a inauguración do Parque por Salazar. Ou por Marcelo Caetano? Fíxenlle unha foto. Á noitiña, ao voltar, xa non estaba. En Caldas do Gerês, unha bandeira vermella con fouce e martelo nun balcón, alegría contida nalgunhas caras, e pouco máis. Fomos tomar algo ata a Pousada de São Bento que daquela era das poucas instalacións hostaleiras da zona e cunha vista marabillosa sobre a confluencia dos tres brazos do encoro do río Cávado. Ao pouco de regresarmos pecharon a fronteira. A verdade é que naqueles meses seguintes, os galegos tiñamos un grande orgullo da proximidade con Portugal. Ao pouco da Revolução despois da morte de Franco -na cama e cun grande enterro popular- comezou a Transición e os ollos volvéronse ao urxente que tiñamos entre mans e fomos esquecendo o engailante sur. Benzón á nobre Lusitania, hoxe e sempre, miña terra xémina.

QOSHE - O meu 25 de abril - Afonso Vázquez-Monxardín
menu_open
Columnists Actual . Favourites . Archive
We use cookies to provide some features and experiences in QOSHE

More information  .  Close
Aa Aa Aa
- A +

O meu 25 de abril

12 0
23.04.2024


Eu non lles estiven en Portugal o día da Revolução do 25 de abril de 1974, estívenlles o 26. Cousa menos de épica ca de simpatía coa ilusión da revolução e interese no bulir da historia. Os feitos foron, máis ou menos, así. Meu pai sorprendeuse, coma todos, co que estaba pasando ao sur da raia. Daquela, debía ser presidente da hoxe transmutada Agrupación Cultural Auriense. Organizaran naquel tempo un concerto de Luís Cilia no auditorio dos Maristas de Ourense, lugar dalgunhas actuacións interesantes e dos primeiros cursos de galego daquela Auriense galeguista. O caso é que na casa sempre fomos moi próximos ao sur. Non só por toalhas, bacalhao e café Sical -o melhor de Portugal- senón por parentes paternos asentados no Porto ou porque a miña avoa tivese o seu primeiro destino de mestra, case adolescente, nunha escola en Arzádegos, nas terras de Vilardevós, alá nos tempos da II República a poucos centos de........

© La Región


Get it on Google Play