España é un dos países máis desiguais da Unión Europea. Isto é algo que debera preocuparnos, e moito. Porque a desigualdade afecta negativamente ao benestar dos cidadáns, á cohesión social e á propia calidade da democracia, xerando desafección no sistema. As políticas neoliberais impostas na década da austeridade, con recortes e devaluación salarial, agravaron as diferenzas sociais. O maior custo recaeu nas persoas con menores ingresos.

Porén, a recente publicación da Enquisa de Condicións de Vida elaborada polo INE reflicte que comezamos a corrixir esta situación. O principal indicador de desigualdade, o denominado índice de Gini, reduciuse a 31,5, que é o seu valor máis baixo de toda a serie histórica. Seguimos sendo 1,6 puntos máis desiguais que a media dos países do euro, pero desde 2018 reducimos a diferenza á metade.

E o mesmo ocorre cando se analiza a distribución da renda. No 2023, o 20 % da poboación con maiores ingresos gañou 5,5 veces máis que o 20 % con menores ingresos. Non deixa de ser unha cifra elevada de máis, porque a media europea é de 4,8 veces. Porén, é a cifra máis baixa desde que se creou esta estatística. De feito, esta diferenza entre os de arriba e os de abaixo reduciuse case un 21 % desde o seu valor máximo.

As crises sempre provocaron un aumento da desigualdade no noso país, pero esta vez foi diferente. Fomos quen de reducila ao seu nivel máis baixo da nosa historia. Desde 2018, a desigualdade reduciuse porque os ingresos dos deciles de renda máis baixos aumentaron máis que os deciles de renda máis altos. Non é difícil atopar as razóns.

En primeiro lugar, o incremento do salario mínimo interprofesional e a maior calidade do emprego beneficiaron especialmente ás persoas que ocupan a parte máis baixa da distribución salarial do mundo laboral.

En segundo lugar, o incremento das pensións, sobre todo as máis baixas, a mellora da protección das persoas desempregadas e a creación do ingreso mínimo vital melloraron os ingresos de millóns de persoas, as máis vulnerables.

Esta redución da desigualdade tivo efectos especialmente positivos nas comunidades autónomas que teñen un menor nivel de renda, entre elas Galicia, porque son precisamente estes territorios os que teñen un maior peso de persoas beneficiadas con estas medidas.

Temos que seguir reducindo a desigualdade e sabemos como facelo: cun reparto máis equilibrado entre salarios e beneficios empresarias, sobre todo dos salarios máis baixos, unha distribución primaria da renda máis xusta que debe ir acompañada de políticas publicas redistributivas a favor das persoas que máis o precisan. Se o facemos, todos gañamos.

QOSHE - Reducir a desigualdade - Manuel Lago
menu_open
Columnists Actual . Favourites . Archive
We use cookies to provide some features and experiences in QOSHE

More information  .  Close
Aa Aa Aa
- A +

Reducir a desigualdade

5 0
11.03.2024

España é un dos países máis desiguais da Unión Europea. Isto é algo que debera preocuparnos, e moito. Porque a desigualdade afecta negativamente ao benestar dos cidadáns, á cohesión social e á propia calidade da democracia, xerando desafección no sistema. As políticas neoliberais impostas na década da austeridade, con recortes e devaluación salarial, agravaron as diferenzas sociais. O maior custo recaeu nas persoas con menores ingresos.

Porén, a recente publicación da Enquisa de Condicións de Vida elaborada polo INE reflicte que comezamos a corrixir esta situación. O principal indicador de desigualdade, o denominado índice de Gini, reduciuse a........

© La Voz de Galicia


Get it on Google Play