Todo indica que a Laureano Oubiña non lle vai saír a xogada. Reclamou millón e medio de euros á produtora da serie Fariña polo «dano moral» que lle causaron as imaxes en que ten relacións sexuais coa súa dona, Ester Lago, pero o fiscal pediu ao xuíz que desestime a demanda. En canto a que a serie perxudica a súa honra, o avogado da produtora respondeu cunha frase coma un coitelo: «El honor del señor Oubiña no lo pone en peligro la serie Fariña, sino sus propios actos».

Porén, os actos de Laureano Oubiña acúsano e deféndeno. El repite que non traficou con máis droga que o haxix, unha droga branda que non mata, e só por iso foi xulgado. Daquela, por que cumpriu integramente tres das cinco condenas que lle impuxeron e pasou 32 anos no cárcere? Por chulo e fantoche, coido eu. No xuízo da Operación Nécora presentouse con zocos para figurar un labrego ignorante e menosprezar o fiscal, ao que se enfrontou con malos modos. Non era o narco máis importante, pero, despois de mercar en 1987 o pazo Baión, foi o máis mediático.

Laureno Oubiña non interesa, pero seguirmos a súa traxectoria delictiva permítenos coñecer a situación crítica que vivimos nos anos oitenta e noventa. Primeiro, cando os contrabandistas de tabaco se enriquecían e pagaban campañas electorais de Alianza Popular e, no caso de Oubiña, tamén da UCD. Cando, fuxidos os capos a Portugal para evitar unha redada anunciada, se entrevistaron co presidente da Xunta, Fernández Albor, que os recibiu «por motivos humanitarios» e recomendoulles volver e entregarse á Xustiza. Fixérono, e o xuízo demorouse tanto que prescribiron os delitos. Despois, nos noventa, cando trocaron o tabaco pola droga e a ría de Arousa correu o perigo de ser como a Calabria siciliana, co avogado Pablo Vioque en plan Don Corleone. Secretario da Cámara de Comercio de Vilagarcía e home forte da agrupación de Alianza Popular, defendeu os capos ante a Xustiza e levou as relacións cos suministradores colombianos. En 1991 perdeuse no mar de Cedeira un alixo de cocaína, pero salvouse unha parte e Vioque quedou con ela. Os colombianos soubérono e, en 1992, citárono en Benavente. Enviou o vicepresidente e o tesoureiro da Cámara, que foron tiroteados por sicarios e o tesoureiro morreu. Por estraño que resulte, Vioque conservou o poder ata o 1995, en que Fraga o destituíu. Fuxiu, e a súa marcha foi tan importante coma o labor do xuíz Vázquez Taín e o das nais de vítimas da droga, capitaneadas por Carme Avendaño, para frear aquela caída ao inferno.

Oubiña contou en dous libros a súa verdade e vai ter que escribir outro, porque un xulgado de Oviedo procesouno en 2021 como «intermediario ou proveedor», agora si, dun alixo de cocaína decomisado en Asturias. E parece que esta outra xogada tampouco lle sairá ben.

QOSHE - Oubiña - Siro
menu_open
Columnists Actual . Favourites . Archive
We use cookies to provide some features and experiences in QOSHE

More information  .  Close
Aa Aa Aa
- A +

Oubiña

6 26
25.11.2023

Todo indica que a Laureano Oubiña non lle vai saír a xogada. Reclamou millón e medio de euros á produtora da serie Fariña polo «dano moral» que lle causaron as imaxes en que ten relacións sexuais coa súa dona, Ester Lago, pero o fiscal pediu ao xuíz que desestime a demanda. En canto a que a serie perxudica a súa honra, o avogado da produtora respondeu cunha frase coma un coitelo: «El honor del señor Oubiña no lo pone en peligro la serie Fariña, sino sus propios actos».

Porén, os actos de Laureano Oubiña acúsano e deféndeno. El repite que non traficou con máis droga que o haxix, unha droga branda que non mata, e só por iso foi xulgado. Daquela, por que........

© La Voz de Galicia


Get it on Google Play