Remata o Nadal e no mundo cristián ecoan algunhas panxoliñas que falan do Neno, de amor e de paz. As panxoliñas, nadaliñas ou cantos de Nadal esmorecen coa celebración tradicional da festividade relixiosa, pero xa estiveron en perigo de desaparecer no século XVIII cando os bispos quixeron arredalas das catedrais e o mesmísimo padre Feijoo as cualificou de «indecentes villancicos», polo inapropiado das músicas e letras de gusto popular. Ao padre Feijoo gustaríalle, sen dúbida, a que o crego Joseph Mohr cantou, acompañándose coa guitarra, na misa do 24 de Nadal de 1818 na igrexa de San Nicolás de Oberndorf, en Austria. O crego Joseph Mohr vivira o horror das guerras napoleónicas, entre 1805 e 1814, que causaran centos de miles de mortos no seu país, e por iso na misa de Noiteboa de 1816 leu aos fregueses o poema Stile Nacht, (Noite de Paz), que el escribira en alemán cando aínda o latín predominaba na liturxia. Despois pensou que «quen canta, dúas veces ora» e levoullo ao seu amigo Franz Xaver Gruber, mestre de escola, organista e director de coros, para que o musicara. E así naceu a panxoliña máis coñecida no mundo, interpretada nos máis dos idiomas e que desde 2011 é Patrimonio Inmaterial da Humanidade. Cantárona en 1914, na Primeira Guerra Mundial, na fronte de Ypres, Bélxica, os soldados alemáns e británicos que acordaron unha tregua para enterraren os mortos e celebraren o Nadal; e pode que a cantasen na Noiteboa de 1936 os milicianos vascos e os requetés que durante unhas horas deixaron as armas na chamada «tregua do monte Kalamua», a única ben documentada da Guerra Civil española.

A xente da miña idade que nos anos sesenta nos sentiamos pacifistas e de esquerdas devoramos o libro Crimes de guerra en Vietnam, do filósofo británico Bertrand Russell, presidente do tribunal de opinión que condenou o exército norteamericano por accións bélicas horrendas como a matanza de My Lai, na que foron ametrallados os labregos dunha aldea que non participaran na contenda. En Nadal de 1971, John Lennon e Yoko Ono sorprenderon o mundo coa panxoliña Happy Christmas, na que desexaban feliz Nadal a homes e mulleres, novos e vellos, brancos e negros, e a todos enviaban unha mensaxe: «Paremos as guerras. A guerra remata se ti queres». Non hai un John Lennon que mobilice a mocidade pola paz, e non houbo treguas de Nadal en Ucraína e Gaza. Os ucraínos celebraron o Nadal por primeira vez en cen anos, e fixérono baixo as bombas. En Israel e Gaza non se celebrou. Non fai falta fe relixiosa para sentirmos a emoción do Nadal e das nadaliñas. Eu xa non podo cantalas, pero cantaruxéoas e cada ano acordo comigo unha tregua en Puntadas sen fío, e paso da política. É tempo de paz.

QOSHE - Panxoliñas - Siro
menu_open
Columnists Actual . Favourites . Archive
We use cookies to provide some features and experiences in QOSHE

More information  .  Close
Aa Aa Aa
- A +

Panxoliñas

7 25
06.01.2024

Remata o Nadal e no mundo cristián ecoan algunhas panxoliñas que falan do Neno, de amor e de paz. As panxoliñas, nadaliñas ou cantos de Nadal esmorecen coa celebración tradicional da festividade relixiosa, pero xa estiveron en perigo de desaparecer no século XVIII cando os bispos quixeron arredalas das catedrais e o mesmísimo padre Feijoo as cualificou de «indecentes villancicos», polo inapropiado das músicas e letras de gusto popular. Ao padre Feijoo gustaríalle, sen dúbida, a que o crego Joseph Mohr cantou, acompañándose coa guitarra, na misa do 24 de Nadal de 1818 na igrexa de San Nicolás de Oberndorf, en Austria. O crego Joseph Mohr vivira o horror das guerras........

© La Voz de Galicia


Get it on Google Play