As dereitas vanlle ao lombo a Pedro Sánchez por viaxar a Israel como presidente de quenda da Unión Europea e espetarlle a Netanyahu, en perfecto inglés ademais, que o número de palestinos mortos en Gaza é insoportable. «Proba de que meteu o zoco —din moi aristotélicos— é que o felicitaron os terroristas de Hamás». Pero home, polos cravos do Nazareno, «a verdade é a verdade, dígaa Agamenón ou o seu porqueiro»; e esa verdade que Pedro Sánchez lle dixo cara a cara a Netanyahu véñenlla repetindo desde hai anos e con palabras máis duras xornalistas xudeus, rabinos, ONG, sobreviventes do Holocausto, veteranos do Exército de Israel e agora tamén familiares de vítimas do ataque de Hamás. Ata os rabinos ultraortodoxos choran polos palestinos de Gaza! E todos coinciden en dúas mensaxes: «Os bombardeos indiscriminados en Gaza e a matanza de inocentes son indefendíbeis» e «só a creación dun fogar palestino permitirá un fogar israelí seguro».

A Netanyau nin lle vai nin lle vén; acúsaos de apoiar o terrorismo e o mesmo fai co secretario xeral da ONU, co primeiro ministro de Irlanda e co presidente español. A el abóndalle o apoio dos EE.UU. e sabe que vai telo faga o que faga. En 2001, o primeiro ministro de Israel era o exmilitar Ariel Sharon, cun único proxecto político: a construción do Gran Israel, un Estado que incluiría a Franxa de Gaza e os territorios ocupados. O 3 de outubro participaba co ministro de Exteriores, Shimon Peres, nun programa da radio israelí Kol Israel e dirixiuse aos oíntes: «Quérolles dicir algo moi claro: non se preocupen pola presión de EE.UU. sobre Israel. Nós, o pobo xudeu, controlamos EE.UU. e os norteamericanos sábeno».

Sharon falaba dos poderosos lobis xudeus que presionan o Congreso, a Casa Branca e calquera organismo administrativo na toma de decisións que afecten o Estado de Israel; pero aludía tamén a aliados tan distintos como as empresas de industria bélica e os cristiáns que agardan a segunda chegada de Xesucristo cando os xudeos volvan a Terra Santa. E esta situación —malia un certo desencontro con Obama— volveu ser a mesma con Trump e non mellorou gran cousa con Biden, porque no actual presidente dos EE.UU. latexa un corazón xudeu. En 1973 visitou como senador novel a primeira ministra Golda Meir, que lle dixo: «Os israelís posuimos unha arma secreta: non temos onde ir». A Biden impresionouno tanto que declara: «Non fai falta ser xudeu para ser sionista».

Selo, non sei; parecelo, seguro que non. Velaí os grupos de PP e Vox no concello de Madrid concedendo a Israel a Medalla de Honra Municipal, e Feijoo e Abascal mallando en Pedro pola chamada a consultas de Netanyahu á embaixadora. Entre bombardeo e bombardeo, festa rachada.

QOSHE - Pedro e o sionismo - Siro
menu_open
Columnists Actual . Favourites . Archive
We use cookies to provide some features and experiences in QOSHE

More information  .  Close
Aa Aa Aa
- A +

Pedro e o sionismo

9 1
02.12.2023

As dereitas vanlle ao lombo a Pedro Sánchez por viaxar a Israel como presidente de quenda da Unión Europea e espetarlle a Netanyahu, en perfecto inglés ademais, que o número de palestinos mortos en Gaza é insoportable. «Proba de que meteu o zoco —din moi aristotélicos— é que o felicitaron os terroristas de Hamás». Pero home, polos cravos do Nazareno, «a verdade é a verdade, dígaa Agamenón ou o seu porqueiro»; e esa verdade que Pedro Sánchez lle dixo cara a cara a Netanyahu véñenlla repetindo desde hai anos e con palabras máis duras xornalistas xudeus, rabinos, ONG, sobreviventes do Holocausto, veteranos do Exército de Israel e agora........

© La Voz de Galicia


Get it on Google Play