O 15 de xuño de 1983 aprobouse por unanimidade no Parlamento de Galicia a Lei de Normalización Lingüística. Era a terceira lei que aprobaba o Parlamento, proba do interese e da sensibilidade existente naqueles momentos verbo da significación do idioma na construción política que se anunciaba. «A lingua é a maior e máis orixinal creación colectiva dos galegos», dise no preámbulo, «verdadeira forza espiritual que lle dá unidade interna á nosa comunidade».

Pasaron corenta anos. A secretaría xeral de Política Lingüística e o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades tiveron a intelixencia de convocar unhas xornadas de reflexión arredor destas catro décadas. Luces e sombras. Ninguén pode negar o recoñecemento e uso do galego en ámbitos de prestixio social e cultural, en parte resultado da lei, mais fundamentalmente da tradición e o traballo histórico dos seus cultivadores, dende o Rexurdimento do século XIX aos nosos días. Foi unha conquista lenta, mais constante, na procura de desterrar eivas e prexuízos enraizados durante séculos na mentalidade das nosas xentes, moi principalmente as clases populares, que son as máis vulnerables.

Mais os tempos mudaron radicalmente desde 1983. Os tempos e as circunstancias. E iso é o que, chegado o caso, cómpre revisar (actualizar). Por unha banda, a realidade demográfica, o desprazamento acelerado do mundo rural cara ás cidades, o despoboamento da Galicia interior, a incorporación de novos compoñentes de poboación (inmigrantes). Ademais disto: as estratexias na escola, que necesitan ser revisadas, entre outras cousas porque non garanten nin a incorporación de novos falantes nin a continuidade dos galegofalantes. Outrosí as distintas Administracións públicas: funcionarios que deberían estar obrigados a atender as necesidades da cidadanía no seu idioma. Os medios de comunicación, que son fundamentais, pero que no mundo actual conforman un hiperespazo onde actúan plataformas, redes, empresas e particulares, cunha oferta xigantesca e multinacional (tamén plurilingüe) a través de internet. Consideremos igualmente as estratexias de socialización e ocio, sobre todo para a poboación máis nova.

O mundo mudou radicalmente nestas catro décadas e a lingua (a normalización e uso do idioma) non pode ficar fóra desta nova realidade que inclúe aspectos como a internacionalización (a relación do portugués, brasileiro e falas africanas, por exemplo), o recoñecemento nos ámbitos políticos no exterior (nas institucións do Estado e nas europeas), na empresa, na publicidade, no comercio, na igrexa, no deporte… Non se trata de impoñer. Moito menos de renunciar a unha riqueza obxectiva que compartimos (o castelán), mais si empezar a configurar a paisaxe dun mundo novo. Corenta anos permiten reflexionar sobre os acertos, tamén sobre os erros, para corrixilos.

Todo menos a preguiza, a rutina e o conformismo.

QOSHE - Corenta anos despois - Víctor F. Freixanes
menu_open
Columnists Actual . Favourites . Archive
We use cookies to provide some features and experiences in QOSHE

More information  .  Close
Aa Aa Aa
- A +

Corenta anos despois

2 7
05.11.2023

O 15 de xuño de 1983 aprobouse por unanimidade no Parlamento de Galicia a Lei de Normalización Lingüística. Era a terceira lei que aprobaba o Parlamento, proba do interese e da sensibilidade existente naqueles momentos verbo da significación do idioma na construción política que se anunciaba. «A lingua é a maior e máis orixinal creación colectiva dos galegos», dise no preámbulo, «verdadeira forza espiritual que lle dá unidade interna á nosa comunidade».

Pasaron corenta anos. A secretaría xeral de Política Lingüística e o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades tiveron a intelixencia de convocar unhas xornadas de reflexión arredor destas catro décadas. Luces e sombras. Ninguén pode negar........

© La Voz de Galicia


Get it on Google Play