A primeira vez que asistín a mitins electorais foi no ano 1977, nas convocatorias da Transición, en case todos os casos exercendo na infantería do xornalismo. Eran novidade. Teatros e pavillóns deportivos cheos de xente. Ían os militantes e mais os curiosos, en parte para ver e escoitar os oradores e en parte para coñecer de viva voz os programas. Todo era novo. Acórdome de Santiago Álvarez no pavillón das Travesas, en Vigo, que non esquecera o seu galego valdeorrés (zapatois, camiois, pantalois) malia os anos de exilio, e a xente que o corrixía pensando que falaba mal. Algúns tivemos que explicar dialectoloxía naquela tarde viguesa.

A xente ía aos mitins para saber e coñecer , e valorábase moito a oratoria, falar ben. Era a tradición histórica. A comunicación fundamentábase basicamente na palabra, moito máis ca na escenografía. Logo viñeron os efectos especiais e as tecnoloxías da comunicación: a radio e a televisión fundamentalmente. Tamén o deseño. Os carteis do PSOE causaron un efecto especial polo cambio no ano 1982, con horizontes de luz, a rosa luminosa, intelixentes combinacións de azul, verde e pastel laranxa...

Nas campañas electorais, sobre todo nas concentracións de simpatizantes, o compoñente emocional conta moito. Aínda segue contando. Pero como digo, os efectos especiais e a tecnoloxía foron substituíndo paseniñamente a palabra, o que en parte significa desprazar o discurso da razón (o logos) polo impacto da emoción. A xente milita nas siglas da política como quen milita nun equipo de fútbol, para que gañen os meus!, por riba de argumentos, incluso por riba de intereses obxectivos, o que explica en parte a lealdade cega ao voto, coma quen se entrega a unha relixión. E a política non é unha relixión. Todo o contrario: a saúde democrática sostense sobre a reflexión, a información e a confrontación. Por iso son tan importantes os debates!

Coido que foi Obama o primeiro en utilizar as redes sociais para a propaganda electoral, que Donald Trump explota agora ao máximo. En realidade explótana todos, uns máis ca outros en función dos recursos dispoñibles. Hai momentos onde o cidadán xa non sabe onde está, extraviado no bombardeo de algoritmos e o entusiasmo das parroquias. Nos primeiros anos do século XX, coa invención da radio, descubriuse a propaganda de masas, primeiro nos Estados Unidos e logo en Europa. Logo veu a televisión, e internet. O seguinte asalto virá dado sen dúbida pola intelixencia artificial, que xa está aquí. Nas facultades de Comunicación, Psicoloxía Social e Ciencia Política trabállase na formación de especialistas nestas novas técnicas. No fondo da cuestión está, tamén neste caso, a liberdade e a consciencia crítica (racional) da cidadanía: cada un de nós, os individuos, para orientarnos no labirinto.

QOSHE - De mitins e tecnoloxías - Víctor F. Freixanes
menu_open
Columnists Actual . Favourites . Archive
We use cookies to provide some features and experiences in QOSHE

More information  .  Close
Aa Aa Aa
- A +

De mitins e tecnoloxías

4 0
18.02.2024

A primeira vez que asistín a mitins electorais foi no ano 1977, nas convocatorias da Transición, en case todos os casos exercendo na infantería do xornalismo. Eran novidade. Teatros e pavillóns deportivos cheos de xente. Ían os militantes e mais os curiosos, en parte para ver e escoitar os oradores e en parte para coñecer de viva voz os programas. Todo era novo. Acórdome de Santiago Álvarez no pavillón das Travesas, en Vigo, que non esquecera o seu galego valdeorrés (zapatois, camiois, pantalois) malia os anos de exilio, e a xente que o corrixía pensando que falaba mal. Algúns tivemos que explicar dialectoloxía naquela tarde viguesa.

A xente ía aos mitins para saber e coñecer , e valorábase moito a........

© La Voz de Galicia


Get it on Google Play