Sentinlle dicir nunha ocasión ao meu amigo Ferro Ruibal, académico interesado na sociolingüística, que nos tempos que corren, no pasado século XX sobre todo, a lingua galega era fundamentalmente unha lingua de adultos. Falaba da lingua nas aldeas. Era unha observación intuitiva, mais bastante fundamentada, que se rexistraba sobre todo nas zonas próximas ás cidades. As nais e os pais falaban cos nenos en castelán. A presión do castelán (lingua dominante) impoñía o seu código, que era o código do futuro, e as familias procuraban o mellor para os cativos: a lingua que lles había dar un sitio máis agradecido no mundo. Así pensaban os meus avós, por exemplo, que foron os que me criaron.

Só cando o neno se facía home e superaba a adolescencia, os pais (non tanto as nais) empezaban a falarlle ao rapaz en galego. Era o tempo en que empezaba a mocear, acompañaba os adultos á taberna, fumaba o primeiro tabaco, sacaba as mozas a bailar nas romarías, en definitiva: ingresaba na tribo e era aceptado coma un membro máis. O galego era o código da socialización, cos amigos, cos compañeiros de traballo, tamén na contorna familiar. Unha especie de ingreso na madurez.

Non é unha caricatura. Nas aldeas da miña infancia era así. E as mulleres? Neste caso os prexuizos eran moito máis graves, sobre todo cando querían que fosen señoritas. Na competición urbana ou periurbana, a mociña que falase galego ou tivese acento de aldea pouco tiña que facer. María López Sández, Xaquín Loredo Gutiérrez e Gabino Vázquez-Grandío, compañeiros da RAG, veñen de publicar un interesantísimo traballo sobre as relacións entre lingua e xénero, con atención especial ás mulleres: «Lingua e xénero en Galicia: estado da cuestión». E acordeime do ensaio que María Xosé Queizán publicou no ano 1977, A muller en Galicia (Ediciós do Castro), no que a autora facía un paralelismo entre a muller e a lingua galega: a sublimación da muller (santa, raíña, señora da casa, admirada esposa) comparándoa coa idealización que recibe a lingua nai, a lingua dos primeiros bicos, arrolos, agarimos, a lingua dos primeiros pasos, mais que fica reducida (encerrada) no estreito círculo doméstico sen apenas posibilidade de saír ao exterior, ao mercado, ao recoñecemento laboral e intelectual… Canto máis idealizada e sublimada a lingua, máis encerrada na casa. Canto máis subida aos altares, máis morta e desactivada.

Todo isto mudou. Mais se cadra non tanto como imaxinamos. Moitas marcas seguen activas no subconsciente colectivo. A esperanza está no cambio xeracional, que é imparable, e na incorporación dunha muller nova (libre) tamén á sociedade da lingua. Mulleres e homes, principalmente mozos. Unha nova xeración que lle dea a volta ao calcetín dos medos e os prexuizos. Nesa viaxe a muller ten unha significación especial: como exemplo, como estímulo, como territorio de liberdade. No traballo de María, Xaquín e Gabino hai un vento de esperanza que agradecemos.

QOSHE - Lingua e xénero - Víctor F. Freixanes
menu_open
Columnists Actual . Favourites . Archive
We use cookies to provide some features and experiences in QOSHE

More information  .  Close
Aa Aa Aa
- A +

Lingua e xénero

3 9
19.11.2023

Sentinlle dicir nunha ocasión ao meu amigo Ferro Ruibal, académico interesado na sociolingüística, que nos tempos que corren, no pasado século XX sobre todo, a lingua galega era fundamentalmente unha lingua de adultos. Falaba da lingua nas aldeas. Era unha observación intuitiva, mais bastante fundamentada, que se rexistraba sobre todo nas zonas próximas ás cidades. As nais e os pais falaban cos nenos en castelán. A presión do castelán (lingua dominante) impoñía o seu código, que era o código do futuro, e as familias procuraban o mellor para os cativos: a lingua que lles había dar un sitio máis agradecido no mundo. Así pensaban os meus avós, por exemplo, que foron os que me criaron.

Só cando o neno se facía home e........

© La Voz de Galicia


Get it on Google Play