Nun día coma hoxe, o 17 de decembro de 1895, nacía na Coruña o editor galeguista Ánxel Casal, padroeiro laico dos editores galegos. De familia moi humilde, emigrante durante dous anos en Bos Aires e despois en Francia durante poucos meses, a súa figura e a súa obra axigántanse co tempo e constitúen unha referencia obrigada na historia da cultura galega das primeiras décadas do pasado século. «Casal fixo por Galiza máis do que todos nós», afirmaba Castelao no exilio, comentando a significación do seu traballo a prol da cultura e a lingua galega, ata o seu asasinato en Cacheiras na noite do 18 de agosto de 1936, a mesma noite, por certo, en que asasinaban na barranca de Viznar (Granada) a Federico García Lorca, que pouco tempo antes publicara na editorial de Casal os seus Seis poemas galegos. Malia a distancia, autor e editor compartiron a mesma sorte no mesmo día, poderiamos pensar que case que á mesma hora.

A creación da colección de libros da editorial Lar en 1924, na compaña de Leandro Carré Alvarellos, e pouco tempo despois o lanzamento da editorial Nós en 1927, son os dous grandes fitos históricos de Ánxel Casal a prol da industria do libro galego, xunto coa recuperación da revista Nós e unha actividade incansable na impresión de folletos, programas, cartaces e publicacións varias, sen esquecer a súa dimensión política na alcaldía de Compostela, a animación da Asociación de Escritores Galegos, a creación das primeiras Escolas de Ensino Galego coas Irmandades da Fala, a elaboración e presentación nas Cortes do Estatuto de Autonomía, que ao cabo lle custou a vida...

E á par del, María Miramontes, a súa compañeira. Casaron en 1920, foron vivir a Santiago en 1931, en parte para ver de reactivar as iniciativas editoriais e culturais que ambos os dous compartían, ata que os separou a represión brutal do fascismo aquela noite de agosto. María exiliouse en Bos Aires e alí finou no ano 1964. Hai un fermoso debuxo a liña de Luis Seoane onde aparecen Tenreiro, Brañas, Ánxel Casal, Álvaro de las Casas e Francisco Fernández del Riego no obradoiro da editora en Compostela. Alí acudían Fernández del Riego e Seoane a traballar nos primeiros labores da edición. En gran medida, alí deprenderon o oficio no que os dous salientarían co tempo, un no exilio arxentino, o outro no exilio interior. Neste ano que remata, no que lle dedicamos o Día das Letras Galegas a Fernández del Riego, parécenos xusta esta referencia.

De María Miramontes, que xa formaba parte das Irmandades da Fala no ano 1918, sabemos menos, aínda que nos últimos tempos traballos como os de Aurora Marco, María Xosé Bravo ou Encarna Otero, entre outras, veñen recuperando o papel das mulleres neste período do galeguismo: as Irmandades da Fala, o Seminario de Estudos Galegos, o Partido Galeguista, etc. Un horizonte por descubrir. Na memoria dos editores, Ánxel Casal e María Miramontes forman un equipo exemplar.

QOSHE - Memoria de Ánxel Casal e María Miramontes - Víctor F. Freixanes
menu_open
Columnists Actual . Favourites . Archive
We use cookies to provide some features and experiences in QOSHE

More information  .  Close
Aa Aa Aa
- A +

Memoria de Ánxel Casal e María Miramontes

3 0
17.12.2023

Nun día coma hoxe, o 17 de decembro de 1895, nacía na Coruña o editor galeguista Ánxel Casal, padroeiro laico dos editores galegos. De familia moi humilde, emigrante durante dous anos en Bos Aires e despois en Francia durante poucos meses, a súa figura e a súa obra axigántanse co tempo e constitúen unha referencia obrigada na historia da cultura galega das primeiras décadas do pasado século. «Casal fixo por Galiza máis do que todos nós», afirmaba Castelao no exilio, comentando a significación do seu traballo a prol da cultura e a lingua galega, ata o seu asasinato en Cacheiras na noite do 18 de agosto de 1936, a mesma noite, por certo, en que asasinaban na barranca de Viznar (Granada) a Federico García Lorca, que pouco........

© La Voz de Galicia


Get it on Google Play