Cada tempo histórico impón a súa tecnoloxía, que atinxe individualmente ás persoas e a sociedade no seu conxunto, conforma mentalidades, establece valores, modifica hábitos. Xestionar estes procesos pon a proba a capacidade de adaptación dos grupos sociais e mesmo das culturas.

Pensemos nas tecnoloxías da comunicación e o coñecemento: os manuscritos, o texto impreso, o cinema, a radio, a televisión, os satélites, as redes… Cantos quedaron no camiño? Os que non souberon ou non puideron acceder a cada un destes procesos (que constitúen auténticas revolucións) perdéronse na Historia. Se cadra non somos conscientes, pero de tres ou catro décadas para acó estamos a vivir un cambio radical nos modelos, unha mudanza que atinxe tamén ás persoas e moi principalmente ás novas xeracións: os nosos fillos e os nosos netos. Eles e elas, por suposto.

Aínda hai pouco que comentabamos nestas mesmas mareas a dependencia crecente que os rapaciños e rapaciñas tiñan da televisión.

Máis de cinco horas de consumo diario na década dos 90, incluídos os festivos: bastante máis tempo diante do televisor que falando cos pais ou cos mestres, o que viña amosar a enorme dependencia que os nosos pequenos tiñan da pantalla, aparcados diante do electrodoméstico mentres os seus proxenitores traballaban ou se ocupaban noutras cuestións.

A televisión converteuse daquela no principal axente educativo. Hoxe xa non é só a televisión. As pantallas multiplicáronse. O teléfono móbil é só unha parte do problema.

Fixádevos nesa familia que saíu a merendar nunha cafetería: os pais, enganchados no smartphone, nin sequera se miran entre eles; os fillos, algún aínda en cochiño de rodas, viven ocupados en cadansúa pantalla, enleados nos debuxos animados ou nas películas.

O deseño dos autos de nova xeración hai tempo que inclúen soportes para visores portátiles no respaldo dos asentos traseiros. Podemos facer centos de quilómetros sen apenas intercambiar palabra.

Sentádevos nunha terraza a ollade para a xente que pasa. Cantos camiñan co aparello na man sen atender por onde van, se teñen que cruzar un paso de peóns, se vén un automóbil ou aparece algunha persoa coñecida?

Habitan outra realidade.

Hai pouco, falaba o profesor Alonso Montero sobre o futuro da lingua galega e dicía que un dos problemas está nas familias. Non o único problema, por suposto. Pero se as familias falan entre elas e cos seus fillos en galego, o galego continuará de xeito natural. Outrosí tocante á xestión destas novas tecnoloxías: o que os rapaces ven na casa ou entre os adultos reprodúceno logo entre eles.

A responsabilidade dos pais e das nais é un feito obxectivo. Isto non exime de actuacións administrativas nin de responsabilidades políticas, mais de pouco serve predicar a lingua se logo o mesmo profesor ou profesora, ao saír da aula, cambia de rexistro. Pois igual sucede cos móbiles e con outros consumos.

Sen o exemplo (e a coherencia) dos adultos pouco imos facer. E aínda así.

QOSHE - O exemplo dos adultos - Víctor F. Freixanes
menu_open
Columnists Actual . Favourites . Archive
We use cookies to provide some features and experiences in QOSHE

More information  .  Close
Aa Aa Aa
- A +

O exemplo dos adultos

4 0
10.12.2023

Cada tempo histórico impón a súa tecnoloxía, que atinxe individualmente ás persoas e a sociedade no seu conxunto, conforma mentalidades, establece valores, modifica hábitos. Xestionar estes procesos pon a proba a capacidade de adaptación dos grupos sociais e mesmo das culturas.

Pensemos nas tecnoloxías da comunicación e o coñecemento: os manuscritos, o texto impreso, o cinema, a radio, a televisión, os satélites, as redes… Cantos quedaron no camiño? Os que non souberon ou non puideron acceder a cada un destes procesos (que constitúen auténticas revolucións) perdéronse na Historia. Se cadra non somos conscientes, pero de tres ou catro décadas para acó estamos a vivir un cambio radical nos modelos, unha mudanza que atinxe tamén ás persoas e........

© La Voz de Galicia


Get it on Google Play