A chamada Franxa de Gaza, unha porción de terra da antiga Canaan, lindeira co Mediterráneo, non é moito máis que o municipio de Lalín. Gaza son 365 quilómetros cadrados. O concello pontevedrés ten 326. Mais na primeira vivían até hai pouco algo máis de dous millóns de persoas, cunha densidade de poboación de 5.829 habitantes por quilómetro cadrado, mentres que en Lalín son pouco máis de vinte mil. Dous millóns de habitantes, os palestinos de Gaza, apertados, arreconchegados, case que amoreados uns por riba dos outros. Alí se está a librar estes días unha das grandes traxedias do noso tempo.

Non a única, certamente. Nin a primeira. Xericó, na beira oeste do río Xordán, tamén en terras palestinas, ou cananeas, considerada segundo algúns historiadores a cidade máis antiga do mundo, foi destruída en tempos de Xosué, o sucesor de Moisés, alá contra o ano 1250 antes de Cristo. Marchaban os israelitas polo deserto na procura da Terra Prometida, a que lles anunciara Deus no Sinaí, e en chegando ás portas de Xericó, famosa polas súas murallas, pediron ao seu deus axuda para poder tomar a fortaleza. E Deus dispuxo que, presididos pola arca da Alianza, que era o símbolo do pobo elixido, desen sete voltas á cidade, berrando e facendo soar as trompetas. Seica foi abondo. Logo da sétima volta, as murallas viñéronse abaixo e os israelitas entraron a ferro e fouce na cidade, non quedou ningún habitante para contalo: homes e mulleres pasados a coitelo, vellos e nenos, incluído o gando, que se considerou impuro. Nin pedra quedou enriba doutra pedra. O mandato divino dispuxo que ninguén as volvese levantar. Aínda que seiscentos anos despois, porque todo pasa, o rei Ahab reconsiderou a prohibición.

Así o conta non a arqueoloxía, senón a tradición nacionalista do reino de Xudea, que ve neste acontecemento a man divina para a conquista das terras que hoxe ocupan os israelitas. Eles escribiron os libros: o Libro, deberiamos dicir. O primeiro dos libros todos. Van máis de tres mil anos dende entón, e a historia segue case nos mesmos termos. Quen é dono da casa dos avós? Quen chegou primeiro, ou quen estaba antes cando chegamos nós? Que dereito temos a dispoñer da terra que ocupamos, ou botar a quen a ocupa porque non é dos nosos? Quen determina quen son os nosos?

A meirande parte dos conflitos fundamentalistas, aqueles que se levantan sobre a verdade única, incompatible coas outras verdades, ou cos que non pensan coma nós, arraigan e fortalécense neste tipo de actitudes, que na práctica son principios relixiosos, afincados na fe, non na razón, aínda que se argumenten doutra maneira. E mentres tanto, ollade para os ollos dos meniños e as meniñas que saen cada mañá de entre os cascallos fumegantes. Quen estaba antes de que chegásemos os de Lalín? Unha recomendación de lectura para estas datas: Fin de século en Palestina, do noso compañeiro Miguel-Anxo Murado (Galaxia, 2008).

QOSHE - Palestina - Víctor F. Freixanes
menu_open
Columnists Actual . Favourites . Archive
We use cookies to provide some features and experiences in QOSHE

More information  .  Close
Aa Aa Aa
- A +

Palestina

5 7
26.11.2023

A chamada Franxa de Gaza, unha porción de terra da antiga Canaan, lindeira co Mediterráneo, non é moito máis que o municipio de Lalín. Gaza son 365 quilómetros cadrados. O concello pontevedrés ten 326. Mais na primeira vivían até hai pouco algo máis de dous millóns de persoas, cunha densidade de poboación de 5.829 habitantes por quilómetro cadrado, mentres que en Lalín son pouco máis de vinte mil. Dous millóns de habitantes, os palestinos de Gaza, apertados, arreconchegados, case que amoreados uns por riba dos outros. Alí se está a librar estes días unha das grandes traxedias do noso tempo.

Non a única, certamente. Nin a primeira. Xericó, na beira oeste do río Xordán, tamén en terras palestinas, ou cananeas,........

© La Voz de Galicia


Get it on Google Play