OLislé pertence á estirpe dos Pato. Enrique Gómez Pato era pai do Ran, da Bolas e do Lislé. Chegou a Verín de novo, natural de Nogueira de Ramuín, e despregou en Monterrei a súa creatividade: dramaturgo, poeta, xornalista e cómico. Un home pleno de talento. Intuitivo, culto, sereno. Foi impulsor do meu Verín de Verín nos anos cincuenta do século pasado. Xeneroso, dedicado a facer da vila un lugar mellor para vivir. Ata nos fixo internacionais escribindo cartas a mil lugares do mundo. Tivo tres fillos. Bautismalmente, o maior chamábase Luis Aurelio; María Victoria, a filla; Gerardo, o outro varón. Porén, o Pato púxolles a todos un alcume antes de que llo puxeran na rúa ou na escola (iso é o que aseveraba don Enrique). Ela, Bolas. O maior, Lislé. E Ran. Ninguén sabe a orixe dos motes. Quizá non o sabía nin el mesmo. Pero na vila coñecemos aos tres irmáns polos sobrenomes que lles outorgou seu pai. Todos son do barrio: o máis vello de Verín. E a todos lles profeso enorme estima. Ao Lislé véxoo todos os días. Dende que se xubilou como camioneiro saca a pasear a Simba, o can da casa. En ocasións bota lume e asegura que no camión non tiña tantos «recados» que facer. Eu río; el, tamén. Simba é un yorkshire de quince centímetros e dous quilos de peso. Vai con el polas beiras do Támega. O luns encontrou un paisano que, vendo o tamaño do can, burlouse: «Vaia león que tes!», dixo. O Lislé contestou: «Non o sabes ben. Acabamos de cruzar cun fato de xabarís. Botouse ao macho, grande coma un boi. Subiu no seu lombo. Mordeulle as orellas e os oito xabarís fuxiron escopeteados». O paisano agachou a cabeza. Agora, cando se cruza con Simba, cambia de camiño. Non sexa o demo!

QOSHE - Simba - Xosé Carlos Caneiro
menu_open
Columnists Actual . Favourites . Archive
We use cookies to provide some features and experiences in QOSHE

More information  .  Close
Aa Aa Aa
- A +

Simba

26 1
25.04.2024

OLislé pertence á estirpe dos Pato. Enrique Gómez Pato era pai do Ran, da Bolas e do Lislé. Chegou a Verín de novo, natural de Nogueira de Ramuín, e despregou en Monterrei a súa creatividade: dramaturgo, poeta, xornalista e cómico. Un home pleno de talento. Intuitivo, culto, sereno. Foi impulsor do meu Verín de Verín nos anos cincuenta do século pasado. Xeneroso, dedicado a facer da vila un lugar mellor para........

© La Voz de Galicia


Get it on Google Play